Saturday 18 de May de 2024

Ovidio Rodeiro anima aos mozos, maiores e familias a viaxar dentro da comunidade co programa Elixe Galicia que ten aberto o prazo de solicitude ata o 3 de marzo


O centro social de Paiosaco en A Laracha acolleu unha charla sobre as condicións para participar, a prezos reducidos, nas rutas ofertadas
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, impartiu, esta tarde no centro social de Paiosaco, unha charla informativa sobre o programa “Elixe Galicia” para dar a coñecer as condicións para participar, os prezos reducidos e os roteiros ofertados. Este plan está impulsado pola Xunta e ten como obxectivo promover o turismo dentro da comunidade en temporada baixa.

O representante do Goberno autonómico explicou que ata o 3 de marzo pódese solicitar praza para viaxar a prezos reducidos nalgún dos tres períodos ofertados neste ano, que comezarán despois da Semana Santa e prolongaranse ata o 20 de xuño, e retomaranse despois do verán, a partir de 11 de setembro e durante os meses seguintes.

Esta iniciativa busca fomentar a actividade turística fora da tempada alta.. O Goberno galego financiará o 40% do custo das estadías, mentres que os beneficiarios achegarán o 60% restante.

O catálogo inclúe catro categorías de viaxes que permiten visitar destinos de todas as provincias galegas: “Vacacións en zonas costeiras”, “Roteiros de Patrimonio Cultural”, “Roteiros de Natureza” e “Estadías en Balnearios”.

A duración das estadías varía en función da modalidade elixida e vai de tres días (con dúas noites) a cinco días (con catro noites), principalmente en fin de semana.

No caso da provincia da Coruña, os itinerarios e actividades propostas inclúen visitas a varias localidades da Coruña, con paradas en lugares como o Museo do Pobo Galego en Santiago, as Torres do Allo de Vimianzo, o dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños, o pazo de Mariñán en Bergondo ou o ecomuseo de Buño. Entre as diferentes opcións tamén se contemplan desprazamentos ás cidades da Coruña e Ferrol, á vila de As Pontes de García Rodríguez, ao Espazo natural das Fragas do Eume e distintas vilas da Costa de Morte como Camariñas para coñecer os encaixes ou a Muxía para visitar o santuario da Virxe da Barca.

Na páxina web de Turismo de Galicia pódese consultar toda a información relativa ao programa e á presentación das solicitudes para participar. Ademais, os interesados poidan acudir a calquera axencia de viaxes da Comunidade para recibir información e asesoramento á hora de cubrir os impresos necesarios.